Estimación da pegada ecolóxica en dous Centros da Universidade de Sanntiago de Compostela, e posibles implicacións educativas
Contido principal do artigo
Resumo
A Universidade de Santiago de Compostela, a través do Plan de Desenvolvemento Sostible, asume o compromiso de incorporar medidas cara unha actividade docente e investigadora que se desenvolva baixo criterios de sostibilidade, e fomentar entre os membros da comunidade universitaria o sentido da responsabilidade e mellora do medio ambiente. Por elo, se promove a realización dun estudo da pegada ecolóxica do ano 2005 asociada a dous centros docentes da USC: a Escola Universitaria de Formación do Profesorado do Campus de Lugo, e a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais do Campus de Santiago.
A metodoloxía de traballo basouse nos estudos de Rees e Wackernagel (1996) e noutros desenvoltos en España. Preténdese estimar a superficie de bosque galego necesaria para asimilar as emisións de CO2 que se poden asociar a consumo eléctrico, consumo de gasóleo, consumo de papel, consumo de auga, mobilidade, e construción do edificio.
Os resultados revelan que a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais necesitaría un total de 463,58 ha/ano de bosque galego para poder asimilar as emisións de CO2 asociadas á súa actividade académica (unhas 344 veces a súa propia superficie); e a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de Lugo necesitaría 115,57 ha/ano (unhas 192 veces a súa propia superficie); analizándose finalmente opcións e posibilidades de mellora nos ámbitos estudados.