Unha nova cultura forestal para a sociedade galega: o proxecto do Parque Forestal de Liáns
Contido principal do artigo
Resumo
Preséntase un proxecto de Parque Forestal. O deseño e concepción do proxecto baséase no aproveitamento dunhas circunstancias favorables especiais: a existencia dunha finca de propiedade pública, xestionada pola administración forestal, situada a escasa distancia do centro de referencia para a educación ambiental en Galicia, o CEIDA, e dotada de infraestruturas e equipamentos susceptibles de uso social e educativo. Resáltase o potencial do sitio para con verterse nun parque periurbano nun contexto favorable en canto á dimensión dos posibles beneficiarios e aos recursos de dinamización dispoñibles. Explórase o potencial ambiental do enclave, capaz de permitir a réplica de realidades forestais moi diversas e posuidor, ao tempo, de valores de alta calidade conservativa. En definitiva, preséntase un proxecto que ten como base crear un parque forestal periurbano con vocación de uso social, que compaxina con ese uso o carácter de equipamento ambiental de referencia para promover unha nova cultura do bosque na sociedade galega, e que pretende complementar eses dous usos coa contribución á conservación da diversidade biolóxica, ser un referente de investigación ambiental e forestal, e abrir a Galicia ao mundo a través da cooperación internacional.