Horizontes educativos na traxectoria do Desenvolvemento Humano
Contido principal do artigo
Resumo
Os Relatorios do Desenvolvemento Humano, publicados polo Programa das Nacións Unidas para o Desenvolvemento dende a década dos noventa, conteñen un conxunto de importantes referentes pedagóxicos para validar a necesidade dunha Educación Social e Ambiental de marcado carácter ético, cívico e político. Con tal hipótese, a lectura do concepto Desenvolvemento Humano, institucionalizado no seno da Organización das Nacións Unidas, suxire que a educación ha de servir para ampliar as opcións das persoas e dos grupos sociais, brindándolle a cadaquén a oportunidade de levar unha vida que teña motivos para valorar, de modo que os poboadores do planeta poidan exercer a liberdade de ser quen son para participar de todos beneficios do seu desenvolvemento. En todo caso, remitindo estas perspectivas ao proxecto dunha educación que está chamada a ser eminentemente crítica cos actuais modelos de riqueza, crecemento, progreso, benestar social, calidade de vida etc., tanto como coa xeración das alternativas que os veñan a substituír.