Temática e alcance

A Revista Galega de Filoloxía publica traballos de investigación orixinais e inéditos dedicados a algún aspecto filolóxico, especialmente os lingüísticos, do ámbito galego-portugués. A partir do seu número 23, correspondente ao ano 2022, acollerá tamén propostas vinculadas aos estudos literarios referidos ao mesmo ámbito cultural.
Á parte dos seus números ordinarios, A Revista Galega de Filoloxía dá a lume Monografías con idénticas condicións de selección que os artigos (carácter inédito, orixinalidade, revisión por pares etc.), as cales son publicadas tanto en formato dixital como en papel.

Proceso de revisión por pares

Co obxectivo de garantir a orixinalidade, a calidade e o valor científico dos traballos recibidos, a Revista Galega de Filoloxía emprega un proceso de revisión por pares anónimos e externos (double-blind peer review process).

Frecuencia de publicación

A Revista Galega de Filoloxía ten periodicidade anual e é publicada en finais de cada ano.

Política de acceso aberto

A revista proporciona un acceso aberto aos seus contidos, baseado no principio de que ofrecer ao público un acceso libre ás investigacións coadxuva na proxección global do coñecemento.
As persoas usuarias poden ler, descargar, copiar, distribuír, imprimir, pesquisar ou referenciar o texto completo dos artigos ou usalos para calquera outra finalidade lícita, sen autorización previa do editor/a ou autor/a de acordo coa definición de acceso aberto da BOAI (Budapest Open Access Iniciative).
Revista Galega de Filoloxía non cobra ás persoas que colaboran cos seus contributos ningunha taxa nin cota polo envío de traballos nin pola publicación dos seus artigos (APCs). Tampouco cobra nada ao público lector por consultar os traballos publicados.

Política de preservación de arquivos dixitais

Esta revista garante a accesibilidade permanente ao seu contido a través de diferentes procesos: a inclusión dos números publicados no repositorio institucional da Universidade da Coruña, a utilización de DOI e o permiso de inclusión dos arquivos completos en bases de datos como Dialnet ou REDIB.

Indexada en

CARHUS Plus+

CIRC

Dialnet

DICE

DOAJ

ERIH Plus

ISOC

Latindex

Linguistic Bibliography

MIAR

REDIB

REGESTA IMPERII

SCOPUS

ZBD

Directrices éticas

A Revista Galega de Filoloxía acredita firmemente no compromiso ético a respecto do que se consideran as boas e as más prácticas das publicacións científicas. Esa convicción ten como bases fundamentais o sinalado polo Committe on Publication Ethics (https://publicationethics.org/files/cope-publication-ethics-flowcharts-full-set.pdf) e atinxe todo o proceso editorial.

1. Responsabilidade autorial
Os traballos presentados terán de ser o produto dunha investigación, inédita, orixinal e rigorosa. Os contributos terán de incluír os materiais utilizados e os resultados obtidos cunha exposición capaz de achegar os datos suficientes para calquera especialista poder repetir as investigacións desenvolvidas e así confirmar ou infirmar as interpretacións e argumentos do traballo.
Se un autor ou autora descubrir un erro grave no seu traballo, adquire o compromiso de o comunicar á Dirección o antes posíbel.

2. Responsabilidades dos órgaos directivos e editores
A Dirección garante que os traballos presentados sexan avaliados baseándose en principios científicos. Informará o autor ou autora sobre a aceptación ou a denegación dos traballos após consultar o informe da ferramenta antiplaxio Turnitin a que son sometidos todos os traballos recibidos e, caso sexa superado este control, os informes de revisión do par anónimo de especialistas. Non terá en conta revisións de baixa calidade ou entregadas fóra dos prazos estabelecidos. Outrosí, tamén terá a potestade de rexeitar a publicación dun traballo se este non respectar a temática e o alcance da revista. A Dirección e o Consello de Redacción manterán a súa imparcialidade ao xeriren os traballos sometidos a publicación e respectarán a independencia intelectual de autores e autoras.
A Dirección, o Consello de Redacción e o par anónimo de especialistas teñen a obriga de gardaren confidencialidade sobre os textos recibidos e o contido destes até seren aceptados para a súa publicación. Ningún membro da Dirección, Consello de Redacción ou par anónimo de especialistas poderá empregar os manuscritos para o seu propio labor de investigación, excepto contando co consentimento expreso do autor ou da autora.

2.1. Decisión de publicación
Todos os traballos enviados serán avaliados inicialmente pola Dirección e/ou o Consello de Redacción de forma a decidir cales contributos cumpren co perfil da publicación. Cada traballo que se considerar adecuado será sometido á ferramenta antiplaxio Turnitin e, caso supere este controlserá posteriormente enviado a dúas persoas independentes, especialistas na materia e capaces de avaliaren a calidade do texto. A Dirección é responsábel da decisión final para aceptar ou rexeitar o traballo. A decisión de o publicar basearase na súa importancia para o desenvolvemento da investigación e no seu atractivo para profesionais ou público interesado.

2.2. Identificación de condutas impropias
Caso se detectase unha má conduta científica, a Dirección é responsábel de resolver o conflito seguindo as recomendacións da COPE e poderá solicitar a colaboración do Consello de Redacción e do Comité Científico. O problema e a súa solución será debidamente documentado. A Dirección contactará co autor ou a autora para que exprese o seu punto de vista sobre a alegación e, se a má conduta científica persistir, a Dirección ten a capacidade de adoptar as medidas que estimar oportunas.

2.3. Responsabilidades do par anónimo de especialistas
A Dirección garantirá que o par anónimo de especialistas teña experiencia científica significativa no ámbito de investigación en que se encadra a proposta de publicación. Calquera persoa a quen se solicitar a avaliación dun texto ten a obriga de se retirar, conforme o seu propio xuízo, se carecer da disposición ou dos coñecementos necesarios para xulgar o inédito, se considerar que o seu informe non será obxectivo ou se xurdir algún conflito de intereses con persoas ou órgaos da Revista Galega de Filoloxía.
Solicítase ao par anónimo de especialistas que identifique os manuscritos sospeitosos de más condutas e que informe a Dirección de tales supostos.

3. Conflito de intereses
O autor ou autora deberán informar a Dirección se xurdiren conflitos de intereses directos ou indirectos cos membros do Consello de Redacción ou do Comité Científico. Por súa vez, o par anónimo de especialistas retirarase caso existisen eses conflitos a respecto dun autor ou autora ou do contido dun traballo para avaliar. Neste sentido, a Dirección terá en conta se existir se, entre algún membro do par anónimo de especialistas e un autor ou unha autora, (i) unha relación directa (ii) unha colaboración profesional significativa e (iii) un impedimento persoal, académico ou laboral para non poder ser obxectivo.

Sponsors

Grupo de Investigación Lingüística e Literaria Galegas (ILLA). Universidade da Coruña

Historia do xornal

A Revista Galega de Filoloxía créase no ano 2000 no seo da Área de Galego-Portugués da Facultade de Filoloxía da Universidade da Coruña. Desde o ano 2017 a súa edición é exclusivamente dixital.