Movemento feminista e educación en Galiza: 1970-1990
Contido principal do artigo
Resumo
Co obxectivo de contribuír á reflexión sobre os espazos e ámbitos de relacións sociais vinculados coa educación e as lóxicas destinadas á transformación de modelos e contidos relacionados coa aprendizaxe, neste artigo tómase como eixo de análise a rede de relacións xerada pola actividade de organizacións feministas en Galiza desde 1970 ata 1990. Segundo a hipótese manexada aquí, na citada rede articúlanse críticas, propostas e estratexias de loita que insisten de xeito particular na necesidade de repensar e mudar os procesos de marxinalización, discriminación e inxustiza social inscritos nas relacións establecidas de xeito dominante entre sexos, xéneros e sexualidades. Ditas propostas non restrinxen a educación ás fronteiras dos espazos académicos escolares, pois actívanse coa intención de ser aplicadas a nivel externo e interno; no persoal, nos propios agrupamentos e en todos os espazos e ámbitos de relacións sociais.