A Revista Galega de Filoloxía informa de que xa está aberto o período de remisión de traballos para o próximo número 27, correspondente ao ano de 2026.

Para alén de contidos lingüísticos, a revista amplía agora a súa temática a contributos (artigos, notas e recensións) centrados en calquera asunto relativo aos estudos literarios e culturais, especialmente no ámbito galego-portugués.

A RGF convida tamén ao envio de traballos para o dosier monográfico que acompañará o volume de 2026 e en que serán publicados até oito (8) contributos sobre O libro galego no período autonómico (1978-2026) coordinado por Isaac Lourido e Roberto Samartim. Os traballos enviados para este dosier poderán atender algún dos seguintes asuntos:

-Produción, tradución e tradición no campo editorial galego

-Políticas públicas sobre o libro e/ou a lectura na Galiza

-Economia e industrialización do libro galego

-Internacionalización e comercio exterior do libro galego

-Institucionalización e consagración no campo editorial (premios, eventos etc.)

-Ensino e libro galego

-Relacións do libro galego coa crítica e a historiografía literaria

-Traxectorias e repertorios no campo editorial da Galiza autonómica (linguas, xéneros, axentes, temáticas etc,)

Acéptanse orixinais en lingua galega ou portuguesa e en inglés. O Consello de Redacción e a coordenación do dosier monográfico estudarán a eventual publicación de propostas noutras linguas.

O prazo para submisión de orixinais tanto para o número anual como para o dosier monográfico sobre O libro galego no período autonómico (1978-2026) termina no día 1 de xuño de 2026.

Voltar